luns, 18 de xuño de 2018

ANTE A COR LARANXA DO MAR DA RÍA DE VIGO






XIX concurso de relato breve IES ILLA DE SAN SIMÓN

O gañador desta edición de relato breve, segundo a decisión do xurado, foi 

YERAY RODRÍGUEZ PUENTES

co relato Ante a cor laranxa do mar da ría de Vigo.

Parabéns! 

Eis o relato gañador.



ANTE A COR LARANXA DO MAR DA RÍA DE VIGO


Pum! Pechei dun bo golpe a porta, para que miña nai se decatara do meu cabreo. A ela non lle gusta que trate así a porta, por iso o fixen.
Sempre igual , cada vez que chego un chisco tarde de andar coas miñas amigas pola rúa móntame un lío... Ademais se me retrasara... eu que sei... catro horas e chegase na media noite, eu calaba e non dicía nin pío, pero é que esta vez só cheguei dúas horas tarde.
Bah! É igual, eu sigo coas miñas cousas no meu cuarto e déixoa soa refungando. Cámbiome de roupa e prendo o meu ordenador para esquecerme da miña abafante nai. Teño pensado conectarme ao xogo e chatear cos meus amigos. Como era venres e xa acabara a época de exames, tiña liberdade total.
Póñome a xogar cun amigo que, de feito, coñecín no chat. Falabamos a miúdo, por non dicir todos os días. O seu usuario na rede e "SpartIago" , obviamente chámase Iago , e creo que é bo rapaz e simpático, nas videochamadas de Skype sempre me facía rir. Non era o único amigo que tiña (no xogo), algúns nin sequera son da miña cidade e até nin de Galicia, pero aínda así son os meus amigos... creo...
Amigos non sei se o serán, pero si me acompañan mentres xogo, trátanme ben , falamos das nosas cousas e compartimos ideas, falamos ( de moitas cousas) moito. Iso pódese considerar unha relación de amizade verdadeira? Ou é unha falsa ilusión?
Iago é o único que vive na mesma cidade ca min, pero nin por esas tiñamos falado de quedar para coñecernos. Algún día teño que propoñerllo, se non morro de vergoña antes. Se a miña nai venta que me pasa pola cabeza  quedar cunha persoa que coñecera pola Internet, mátame. É normal coa movida de acosadores e pederastas, pero sei que é un rapaz normal, coma min.
Son as tres da madrugada e sigo enganchado para conseguir por fin a Arma Lendaria Nvl.10, estou que caio de sono, sóame un asubío no móbil. Desbloqueo a pantalla rapidisimamente e era unha mensaxe de, como non, Iago , pero agora estou co xogo e non lle podo contestar. Así que tiro o móbil enriba da cama e déixoo alí. Remato de xogar, xa non aguanto máis , estou super canso, apago o ordenador e paso da cadeira de rodas a poñerme aos pés da cama e deixarme caer enriba dela e quedo durmido...ZzZzZz...
-David! Érguete xa! Todo o día a durmir sen facer nada! Son as dúas da tarde xa, ou te ergues ou quedas sen comer! -grítame miña nai.
Facerte erguer a berros debía ser a derradeira moda entre as nais. Só escoitala así pola mañá facía que se me levantara unha dor de cabeza insoportable. Así que, vou recorrer ao mellor amigo dun adolescente, o Ibuprofreno , tómoo e baixo comer. Que noxo! Chégame ao nariz o cheiro do que íamos comer hoxe… peixe. Que maldito noxo! Vaia comezo de día, berros e comida noxenta.
Rematado o xantar, cando ía baixar co can, sóame o móbil. Era Laura, a miña mellor amiga, quería saber se podiamos quedar para tomar algo e dar unha volta, eu díxenlle que estaba dispoñible, así que podiamos quedar. Fomos a unha cafetería do centro  tomar algo, ela pediu un batido de amorodos e eu, como bo larpeiro, un batido de chocolate. Estivemos de rexouba falando dos rapaces guapos e maiores de bacharelato, foi unha tarde produtiva. De súpeto, ao ver o móbil, lembrei a mensaxe de Iago e que aínda non lera. Dicía:
"Boassss! :3 Estaba pensando en quedar mañá para coñecernos en persoa. Que me dis? Gustaríache? Poderiamos quedar no Areal e dar unha volta polo paseo do Náutico...? Ou podemos facer o que ti
 queiras ^.^ "
Cando o lin  quedei a cadros, por unha parte, claro que me gustaría coñecelo en persoa, pero por outro lado morrería de vergoña. Leuno tamén Laura e animoume.
-Dei! Vai e queda con el, non perdes nada por quedar co rapaz, contéstalle e queda -insistiume Laura
Non sabía que facer. Quedar con el ou non quedar con el? Velaí a cuestión. Decidido, pero inseguro, mantemos unha conversa vía WhatsApp á que Laura estaba moi atenta:


                                                                                             Claro! As 18:00 no Areal ^^ 
                                                                                             xa sabes que son moi vergoñento
                                                                                             non mo teñas en conta :P   16:57
Perfecto voume  ir preparando.
Quedamos dentro dunha hora.
Vémonos! Estou algo nervioso
Hahaha ★☆★   16:58

 Recoñecerasme?   16:58

                                                                               
                                                                                                                Claro! E ti a min? 16:58

                 Recoñecería esa cara a
                    quilómetros  hahaha     16:59
    
                Entón vémonos agora.   17:00
       
                                                                                                                           Así  é  :3   17:00


Vaia co percal! volveume á cabeza a miña nai, se chegaba a saber que ía quedar con alguén que coñecera  por Internet... non me castigaba, non… matábame!
Despedinme de Laura e fun correndo á casa para poder cambiarme de roupa, ou polo menos poñer algo decente e non parecer un esmoleiro.
Puxen uns pantalóns vaqueiros azuis a xogo coa miña chaqueta e unhas zapatillas brancas. Botei unhas pingas da miña colonia favorita e xa estaba listo.
 Cando faltaban dez minutos para a quedada, fun saíndo da casa.
Xa é a hora, vou chegando, estou moi nervioso e creo que me vai dar algo. Xa o vin dende o outro lado da rúa, estaba sentado nun banco. Non había dúbida: branquiño de pel, pelo castaño claro con reflexos louros e os seus ollos cor marrón. Estábame a sorrir! Sentíame nervioso...tanto que as miñas pernas comezaron a tremer. Achegueime onde el e púxose de pé, para a miña sorpresa é máis alto ca min, iso non o sabía. Estabamos cara a cara e non sabía que dicirlle , entón decidín darlle un aperta para romper o xeo. Decateime de que ulía a vainilla, son bastante observador para os pequenos detalles. Entón comezamos a falar:
 -Pensei que eras máis alto -díxome para meterse comigo
 -Eu tamén o cría até estar ao teu carón. Entón, que imos facer? -pregunteille
 -Pois o que queiras. Se queres tomamos algo na cafetería da esquina e despois vemos o solpor.
 -Paréceme xenial! -contesteille
 A verdade, o plan gustábame. Debo dicir que Iago visto en persoa, fisicamente, non estaba nada mal...
Dúas horas na cafetería, estivemos falando de moitas cousas, fíxome rir moito, paseino ben. Saímos e fomos ao paseo do Náutico para ver o solpor. Non quería andar moito, así que sentei nun banco na metade do paseo, e Iago sentou ao meu carón. O solpor, nós e  só o silencio. Era máxico, a cor laranxa do mar da ría de Vigo reflectindo a luz do Sol. Cando me dou conta, sinto un brazo no meu ombreiro. Non me importaba nada, é máis, bótome cara atrás no banco apreixando o seu brazo. En silencio, coma se estiveramos na misa.
Remata o solpor, a cor laranxa, paseniño, faise gris, míroo á cara e el dedícame un leve sorriso, entón achegueime un pouco máis a el no banco. Comeza a facerme cóxegas no ombreiro e eu deixo caer a miña cabeza na súa man. Que romántico todo! Parecía un conto de Disney, só faltaba o bico para pechalo.
Cando levanto a miña cabeza doume conta de que se fixera noite, só nos iluminaba a luz do farol que tiñamos enriba de nós. Volvo  mirar cara Iago e nese momento... o conto Disney fíxose realidade!
Soltoume un bicazo nos beizos! Isto era novo e non tiña nin idea que facer.
Os seus beizos suaves rozaban cos meus , sentía algo indescritible, unha emoción vigorizante. O meu primeiro bico! E encantoume. Despois dese bico mergulleime nos seus ollos e, sen pensalo, deille tamén eu un bico en toda a súa boca.
Soa o meu móbil, e é miña nai para dicir que volva xa á casa. Vaia que "cortarrollos" é! Téñome que despedir, pero non quero, oxalá este momento durase para sempre! Era eu nun conto co meu príncipe azul! Puxémonos de pé, aperteino fortemente e démonos outro bico.
Fun correndo cara á casa para volver escoitar outra berrada da miña nai como a de onte.

Ao día seguinte quedamos. Vino dende lonxe, estaba de pé xunto á parada do bus.
Achegueime a el, mirou cara a min e eu mirei cara el... Démonos unha aperta e bicoume nos beizos
                                                                  e...sinto que cheguei
                                                                            a outra dimensión.

Ningún comentario: