FOMENTO DA LINGUA GALEGA

PROXECTO

    DE FOMENTO DO USO
DO GALEGO IES  ILLA DE  SAN SIMÓN


CURSO 2015-2016




1. ESTUDO SOCIOLINGÜÍSTICO.

1.1. Contorna sociolingüística do centro.

        O IES Illa de San Simón está situado nunha vila, a vila de Redondela, e isto leva consigo o arrastre de todos os prexuízos cara o galego que hai nas contornas urbanas. A meirande parte do seu alumnado procede dun sector de clase media, obreiros e profesionais. A lingua do seu ámbito máis próximo é maioritariamente o castelán , os pais, en moitos casos galegofalantes, adoitan empregar o castelán na comunicación cos seus fillos. Malia coñeceren na súa maior parte o galego, o seu uso queda restrinxido a ocasións moi determinadas. A comodidade e a situación diglósica na que se achan produce unha infravaloración da propia lingua e determina que a instalación no castelán sexa a máis estendida.
Partimos da idea de que a lingua é un piar fundamental na identidade dos pobos é por iso que é mester recoñecer a importancia da súa aprendizaxe e uso, potenciándoa e impulsándoa de xeito que acade todos os ámbitos de uso na sociedade.
A superación da diglosia e a atenuación das súas consecuencias, que non son outras que a desgaleguización, deben ser os obxectivos principais do Proxecto de Normalización Lingüística.
       Son, sen dúbida, os centros de ensino o punto de referencia focal na aprendizaxe da lingua dado que os pais, nisto como en moitas cousas, delegan no noso labor de mestres. Así que debemos promover a súa adquisición mediante o desenvolvemento de hábitos lingüísticos que perduren ao longo da súa vida e non só na etapa escolar.
       Así, será tarefa deste equipo:
·         Fomentar o uso do galego en todos os niveis e situacións comunicativas.
·         Apoio ao profesorado que se implique no desenvolvemento do seu labor educativo en galego.
·         Colaborar co resto de sectores da comunidade educativa para a consecución da normalización.
·         Recuperar os falantes que abandonaron a lingua e facer por outros novos. 
·         Superar a diglosia e atenuar os motivos que levan á desgaleguización.

1.2. A situación do profesorado

            A situación actual case non cambiou en relación a anos anteriores, e así alterna o monolingüismo en castelán ou galego co bilingüismo ou diglosia.
             Nas reunións de Claustro a lingua habitual é o galego, se ben temos que sinalar que algúns claustrais só usan esta lingua nesa situación formal. Un reducido número de membros do claustro utiliza o castelán, aínda que constatamos que ese número vai, ano a ano, en aumento.
En canto ás relacións entre o profesorado, a situación é semellante á exposta no apartado anterior. Agás un pequeno grupo de monolingües en galego ou en castelán, o resto emprega unha lingua ou outra dependendo do interlocutor e da lingua que este use habitualmente.
Nas reunións do Consello Escolar a lingua utilizada polo profesorado é o galego, porén o alumnado e os pais/nais optan, en certos casos, polo castelán.
1.3. A situación do alumnado
A lingua máis usual entre o alumnado é o castelán, o seu uso supera a porcentaxe do noventa por cento. O proceso de castelanización masiva das xeracións máis novas  compróbase aquí claramente. Pouco importa que eses mesmos alumnos e alumnas recoñezan, maioritariamente, que tanto os seus pais como os seus avós son galegofalantes. O uso diglósico nas relacións públicas -e a vida no instituto inclúese claramente no ámbito público- exclúe o galego como lingua de relación entre os alumnos e alumnas. Apenas cambia a situación cando o alumnado se relaciona co profesorado, aínda que este sexa galegofalante.
O alumnado é, pois, maioritariamente castelán falante. Mesmo nas materias en que a lingua vehicular é o galego, hai que lles pedir e lembrar que a teñen que empregar.
Algúns recoñecen que no seu ámbito familiar falan en galego, pero que no centro non o fan pola presión social que exerce o castelán, presente como lingua habitual no resto do alumnado.
Só de maneira case “anecdótica”, de cando en vez, existe algún caso de galego falantes monolingües en galego.
Isto constata unha vez máis o proceso desgaleguizador que se produce na escola.
A súa valoración da lingua é positiva, pero non a empregan. Os datos son alarmantes.
Este proceso de perda de falantes queda ben á vista após consultar a sondaxe que se xunta con este documento.


1.4. A situación lingüística do centro.  
O IES Illa de San Simón de Redondela é un centro público situado na bisbarra dunha zona urbana, a área metropolitana de Vigo. Conta con 247 alumnos repartidos en 13 grupos impartidos por 30 profesores.
A actividade docente axústase ao novo decreto de plurilingüismo 79/2010 de 20 de maio.
As actitudes respecto á lingua dependen unha vez máis de cada profesor a título individual. Entre os que non usan o galego nas súas aulas, a comodidade, falta de material en galego (libros de texto, terminoloxía, dicionarios, material de apoio, etc.) son os motivos alegados por moitos profesores bilingües que non se decantan polo uso da nosa lingua.
A todo isto hai que engadir as modificacións legais que provocan o cambio de lingua en moitas materias coa aplicación do novo decreto de plurilingüismo.
          A rotulación do centro é case toda en galego. Os anuncios e avisos que se expoñen ao público por parte da dirección están redactados en galego, non acontece o mesmo cando estes anuncios e avisos son do alumnado e/ou da ANPA.



2- EQUIPO DE DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA

            Neste  Centro, segundo a orde do 24 de xullo de 1.991(D.O.G. do 28 de agosto) constitúese o primeiro equipo de normalización lingüística e deseñouse un proxecto de normalización , aprobados ambos polo Consello Escolar. Este equipo inicial foi mudando ao longo do tempo, no caso do alumnado, por iren finalizando os seus estudos; no caso do profesorado , o cambio débese á intención de facer partícipes deste proxecto ao maior número posible de profesores.
O actual decreto 79/2010 propón a formación dun equipo de dinamización lingüística nos centros de ensino, e seguindo o anterior decreto 124/2007 o  EDL neste curso está formado por:
Ø  Profesorado: Elvira López Alló, Mónica González Miguéns, Rosa María Sánchez Rivas.
Ø  Persoal non docente: Sabela Vigil Touza.
Ø  Alumnado: Andrea Castro Cameselle, Andrea Domínguez Magariños, Marcos Eugenio Ferreira.
Ø  Coordinador: Xosé Luís Clemente Ledo.

               
3- OBXECTIVOS.

            O obxectivo primordial deste proxecto é o de acadar que a lingua galega sexa usada por todos os membros da comunidade educativa en todos os ámbitos de comunicación, fornecendo os instrumentos e potenciando as actitudes que faciliten o uso da nosa lingua tanto de xeito oral como escrito. Para levalo a cabo establécense os seguintes obxectivos específicos, pero queremos facer notar que todos eles están interrelacionados, por iso forman parte dun plan.
1. Fomentar o respecto á realidade plurilingüe e pluricultural do Estado español, de Europa e do mundo actual.
2. Descubrir e eliminar os prexuízos lingüísticos en todos os campos promovendo a sensibilización idiomática, analizando de forma crítica os prexuízos actuais.
3. Sensibilizar a comunidade educativa sobre os principais aspectos da normalización lingüística: desigualdade ante a lei, condutas discriminatorias, falta de apoio económico,… Para lograr isto cómpre contribuír ao cambio de actitudes do profesorado axudando a corrixir prexuízos e actitudes acomodaticias e negativas relacionadas coa lingua galega. Un aspecto esencial para a consecución de tales obxectivos é contribuír á formación do profesorado fornecendo a bibliografía, o material didáctico imprescindible  para o desenvolvemento do seu labor.
4. conseguir un cambio de actitude do alumnado fronte á lingua. A súa implicación nas actividades programadas por este EDL debe axudar a que tomen conciencia de que a realidade lingüística galega non implica a escolla entre unha lingua ou outra, senón o coñecemento adecuado das dúas linguas oficiais. É necesario facerlles ver que o emprego correcto, tanto oral como escrito, das dúas linguas o que fai é abrirlles posibilidades laborais, comunicativas e culturais que doutro xeito non acadarían. Ademais trátase de evitar as interferencias lingüísticas que o descoñecemento ou falta de nivel nunha das lingua implica.
5. Implicación das familias no proceso normalizador. Na corrección das actitudes negativas cara á lingua é fundamental que se impliquen tamén os pais. A colaboración dos pais, en primeiro lugar a través da ANPA do centro, vai ser un dos principais obxectivos deste EDL. Trátase de que o alumnado tome conciencia de que na súa familia, pais e sobre todo avós, hai un coñecemento oral e, ás veces, tamén escrito amplo da lingua galega. Coñecen o galego e úsano como usan o castelán, esta é a realidade lingüística normal de Galicia e, polo tanto, trátase de que eles mesmos se integren nesa realidade: usan o castelán e deben tamén usar normalmente o galego.
En resumo: fomentar que na casa, no ámbito familiar se potencie o uso da nosa lingua como medio para acadar a plena normalización e conseguir competencia total no uso oral.
6. Este EDL debe conseguir a colaboración dos distintos departamentos didácticos do centro nas actividades de dinamización do galego porque iso vai redundar na creación de oportunidades para que o profesorado empregue a lingua galega  e tamén nunha máis fluída comunicación entre alumnado e profesorado.
7. Fomentar a colaboración co Concello de Redondela, con outros centros de ensino, asociacións culturais, deportivas,... para organizar e participar en actividades conxuntas.
8. Facer visibles elementos caracterizadores da cultura galega, pondo de relevo as nosas tradicións: maios, entroido, festa da Coca,...
9. Dar a coñecer á sociedade en xeral e concretamente a toda a comunidade educativa o Plan de dinamización lingüística.

4- ACTIVIDADES.

            Dado que o profesorado é decisivo na creación dun ambiente normalizador, é obxectivo deste equipo dispensar todo o asesoramento puntual que precise e facerlle ver a importancia do seu papel no proceso que leve a normalizar a lingua. 

             Tamén se levarán a cabo actividades que melloren as competencias e actitudes lingüísticas da comunidade escolar e fomenten o uso do galego.

1.- Revista.
Todos os cursos se edita a revista “A fiestra do Illa”, imos polo número 16. A revista constitúe o eixo arredor do cal xiran múltiples actividades nas que se implican a maior parte dos departamentos. Destacamos o concurso de portadas que organiza o Departamento de plástica e os debates que se organizan nas aulas arredor de temas como o cambio climático, o fracaso escolar, as novas tecnoloxías, etc. Póñense por escrita as conclusións e con posterioridade selecciónanse os máis destacados e publícanse na revista. Tamén se publican os poemas, narracións e artigos premiados nas Letras Galegas.

2.- Concursos.
- Concurso de relato curto en colaboración coa ANPA do centro ( xa levamos catorce anos organizándoo con moi boa acollida). Os premios entréganse nas Semana das Letras Galegas. Como xurado actúa persoal non docente, membros da ANPA , alumnado e profesorado.
- Concurso “A camisola da lingua”, consiste no deseño dun lema con debuxo referido á  lingua galega e a súa normalización para estampar en camisolas. Como xurado actúa persoal non docente, membros da ANPA , alumnado e profesorado.
- Concurso de portadas, organizado polo Departamento de plástica, para a revista. A gañadora vai na portada e a segunda na contraportada.
- APADRIÑA UNHA PALABRA
Esta actividade está dirixida a todo o alumnado. O obxectivo é o rescate do noso léxico. A actividade consiste en que cada alumno/a propoña unha palabra para ser recuperada. A visualización das palabras faríase mediante carteis: as palabras poñeranse en cartolinas nas clases e despois polo centro. Cada clase elixe, de entre todas as presentadas, unha que a represente. Finalmente,  faise a escolla, mediante votación, da que se considere máis representativa. as finalistas serían 14 e as gañadoras tres.
Sobre estas palabras recae o compromiso de seren usadas e amosadas en público.


3.- Saídas pedagóxicas, asistencia a exposicións, concertos, presentacións de libros e visitas guiadas.
- Realizaremos conferencias, coloquios, charlas, etc... Contactando con escritores/as e personalidades salientables da sociedade galega.
- Realización da “Rota Rosaliana” por alumnado de terceiro ESO.
- Percorrido “A esmorga” por Ourense para o alumnado de cuarto ESO.
- Participación de grupos de alumnos/as en horario non lectivo en actos culturais  que se organicen no Concello de Redondela. Especialmente, asistencia a presentación de libros, concertos, exposicións de pintura, teatro, festival de marionetas, proxeccións de películas ou curtas. Todas estas actividades son preparadas nas aulas con traballos ou debates que acheguen o alumnado aos autores e obras que van ver.
- Colaboración coa Concellaría de cultura do Concello de Redondela: visitas guiadas á Illa de San Simón, exposicións culturais,...

4.- Club de lectura e biblioteca.
O club de lectura do IES Illa de San Simón chámase “A Illa dos libros”. Dispoñemos de dous clubs de lectura, un para primeiro ciclo baixo o nome de “Os choquiños” e outro para terceiro e cuarto co nome de “Os Chocos”. As propostas de libros van sempre acompañadas dunha breve explicación do por que da elección do libro, pautas de lectura e suxestións que convidan ao goce coa lectura. Posteriormente realízase unha sesión de posta en común sobre diferentes aspectos destacables da obra. Tamén se realizan proxeccións e visitas de espazos relacionados coas lecturas: Rota Rosaliana, Pazo de Trasalba, Rota A esmorga, praia e Illa de San Simón,…
Tamén se colabora coa biblioteca “O mar das palabras”.

5.- Música galega.
O Departamento de música e o EDL colaboran nunha exposición de instrumentos de tradición galega: gaita, zanfona, percusión, traxe típico,… Nesta colaboración tamén entra o Departamento de lingua galega xa que se escolman cantigas, comezando polas de Santa María e continuando polas populares, que logo son recitadas coa axuda de instrumentos.

6.- Campaña de promoción do galego entre os comerciantes da vila de Redondela.
Os Departamentos de lingua galega e literatura e de plástica colaboran co EDL formando grupos de alumnos de diferentes niveis que voluntariamente participan na promoción do galego entre os comerciantes da vila. A campaña oriéntase basicamente á elaboración de carteis e letreiros anunciadores de produtos e prezos. O alumnado debe dirixirse primeiro aos comerciantes para presentarlles a campaña e pedir a súa colaboración, amósanlles varios tipos de letreiros plastificados e, no caso de aceptaren, faise a listaxe de produtos que o comercio desexa anunciar ou promover. Esta actividade realízase en parte en horario non lectivo, implicando tamén a familia do alumno/a.


7.- Colaboración coas asociacións de veciños e círculos recreativos.
O Departamento de lingua galega e literatura axuda a organizar grupos que se dirixen ás asociacións de veciños para colaborar nas súas actividades para que estas se realicen en galego, axudando á redacción e corrección de avisos, cartas e carteis anunciadores e ofrecendo a posibilidade de colaborar nas súas páxinas web.
Nestas asociacións e centros recreativos tamén se trata de atraer a persoas maiores  que queiran participar nas actividades do centro, por exemplo no Club de lectura ou, como se fixo o curso pasado, reunións nas clases con avós para que nos fixeran partícipes da súa experiencia laboral ou social.

8.- Conferencias informativas e debates acerca da normalización.
O alumnado, membros da ANPA e resto de pais son convocados para ver exposicións sobre persoeiros das Letras galegas ou a relatorios sobre a historia e normalización do galego. O alumnado de cuarto dálle a coñecer a pais e resto de compañeiros os problemas normalizadores e como poden colaborar activamente na súa resolución, poñendo de manifesto os comportamentos diglósicos.
Estas reunións con avós, pais e resto da comunidade levan o nome de “Nós falamos galego, e ti por que non?”

9.- Programa de adaptación lingüística.
Sabemos dos problemas lingüísticos dalgúns membros do profesorado e do alumnado (sobre todo os que chegan por primeira vez Galicia) para desenvolverse con comodidade e fluidez en galego. Desde o EDL propoñemos a realización de charlas informais nas que se intenta que vaian adquirindo a fluidez necesaria e así non renuncien a expresarse en galego. Nestes encontros resolveranse dúbidas e faranse as correccións oportunas. Este programa leva o nome de “Axuda lingüística”
10.- Adquisición de fondos.
- Seguiremos mercando xornais e revistas de información xeral para pór á disposición da comunidade educativa. Estamos subscritos a Grial.

- Biblioteca:
1. Adquisición de material audiovisual en galego para servizo de préstamo (alumnado e /ou profesorado).
2. Material bibliográfico: libros de lectura, consulta, banda deseñada,...
3. Elaboración dun marca páxinas cun lema que potencie a lectura en galego.

14.- A nosa cultura.
- Celebracións no IES coas que colabora o EDL ( documentación gráfica, material para a revista, concursos,...).
1. Magosto e xogos populares.
2. Entroido: concurso de coplas en galego.
3.Celebración dos “maios”: elaboración de coplas.
4. Semana dedicada ás Letras Galegas: traballos, carteis, actos,...
5. Festa “Fin de curso”: despedida do alumnado de 4º da ESO.

15.- Colaboración con outras entidades.
 - Colaboración co Servizo de Normalización do Concello de Redondela: proxeccións audiovisuais, actividades teatrais, blog,...

16.- As TIC normalizan.
- Empregar as TIC  para dinamizar o uso da nosa lingua.
Nestes momentos contamos xa cunha páxina web do centro na que participa de forma activa o profesorado e o alumnado: http://www.edu.xunta.es/centros/iessansimon/ e con varios blogs.

           
CADRO RESUMO DE ACTIVIDADES
O orzamento das actividades programadas irá a cargo das axudas aos proxectos dos EDL da Secretaría Xeral de Política Lingüística e das partidas contempladas nos orzamentos do propio Instituto. Outras actividades patrocínaas o Concello de Redondela.
Dependemos en grande medida das propostas que vaiamos recibindo e que poidamos asumir ao longo do curso.
Así pois, relacionamos só as actividades fixas que se realizan todos os anos e a petición de axudas e material para o seu desenvolvemento.


Destas actividades son plurianuais as seguintes:
-          Club de lectura: farase que, sobre todo, o alumnado participante siga asistindo a este club durante toda a súa estadía no centro. Para iso está establecido o plan de lectura de varios cursos. Pódese consultar na web.
-          Concurso literario: faise un seguimento de todos os participantes durante a súa vida escolar.
-          Revista: está formado un consello de redacción no que os membros permanecen varios cursos.
As seguintes actividades fanse en colaboración con outros entes:
-          Saídas pedagóxicas: en colaboración co Concello e a Coordinadora de equipos de normalización do mesmo , asociación de empresarios de Redondela e industrias da zona. Consiste na visita a algunha empresa da bisbarra para darlle a coñecer ao alumnado as características do noso tecido industrial e facer, por parte do alumnado, unha análise do uso do galego na mesma. Tamén se analiza a rotulación das distintas empresas da zona e estúdase o seu grao de implicación na defensa da lingua. Repártese entre elas a nosa revista para que coñezan as iniciativas levadas a cabo.
-          Roteiro pola vila: en colaboración co Concello e a Coordinadora. Son “paseos” pola vila para dar a coñecer o pasado, presente e futuro da etnografía, arquitectura e arte do núcleo urbano.
-          Coñece a Illa: en colaboración co Concello e a Coordinadora. Consiste en visitar a Illa de San Simón para coñecer a súa historia e edificios representativos.

No referente á implicación doutros sectores da comunidade educativa no noso proxecto sinalamos:
-          No décimo cuarto concurso de conto participa o alumnado, pero a ANPA está representada no xurado elixindo as mellores obras e dando a súa opinión sobre as melloras que se poden introducir. Tamén participa no xurado todos os membros do equipo de dinamización polo tanto hai profesorado, alumnado e persoal non docente.
-          Na revista A fiestra do Illa damos espazo para as colaboración de departamentos, profesorado, equipo directivo, alumnado, persoal non docente, ANPA e pais/nais en xeral.

No fomento da oralidade implicámonos nas actividades:
-          Dramatización e recitado de textos.
-          Usando a lingua galega nas relacións  de alumnado- profesorado-pais no centro, e sobre todo nas actividades de xogos, festas populares e no intercambio. O exemplo que destacamos é o do grupo de alumnos que “cantan” maios no concurso do Concello 

O uso das novas tecnoloxías céntrase na actualización da páxina web, na aula virtual (co uso de Moodle) e nos diferentes blogs de profesorado e alumnado (exemplo o blog matinandonalingua, oedldoilla, clubdelecturadoilladesansimon, etc).
Tamén se fai uso delas na edición da revista e na participación no concurso de conto, nas bases sinálase a obriga de entregar os traballos en formato dixital.

Temporización
Actividade
Responsable
Destinatario
Orzamento
Todo o curso
Axuda lingüística
EDL
Com. educativa
0 €
Todo o curso
A fiestra do Illa
Varios dep.
Com. educativa
600 €
Primeiro trimestre
Apadriña unha palabra
Varios dep.
Alumnado
0 €
Maio
Relato curto
EDL
Com. educativa
100 €
Xuño
A camisola da lingua
EDL/Plástica
Alumnado
100 €
Terceiro trim.
Rota A esmorga
Varios dep.
Alumnado
340 €
Todo o curso
Música galega
EDL/Música
Alumnado
340 €
Todo o curso
Club de lectura
Varios dep.
Alumnado
0 €
Todo o curso
Comercio da vila
Varios dep.
Alumnado
60 €
Terceiro trim.
Nós falamos, e ti por que non?
Varios dep.
Comunidade educ.
0 €
Todo o curso
Festas populares
Varios dep.
Alumnado
0 €
Terceiro trim.
Coñece a Illa
EDL/Concello
Alumnado
0 €

Este é o proxecto de fomento do uso do galego do IES Illa de San Simón para o curso 2015-2016.


                                                                                                    

Asdo. O coordinador.                                                                               Vto. e prace do director


Xosé Luís Clemente Ledo                                                                          Ramiro Armesto

                                              


                        Redondela, 30 de setembro de 2015


Ningún comentario: